Galicia “aparca” máis de 5 millóns de euros, mentres anuncia 1,9 para o lobo
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2022
Os Orzamentos Xerais do Estado preveñen para 2023 un investimento de 23,5 millóns de euros para destinar a iniciativas relacionadas cos programas de protección, prevención e indemnización de danos pola coexistencia do lobo coa cabana gandeira na Península, cartos que serán transferidos e executados polas Comunidades Autónomas. Pero, segundo ven de denunciar a Asociación Galicia Ambiental, o traspaso destes fondos é bloqueado por Galicia coa súa negativa a aceptar a normativa de protección do lobo tal e como quedou aprobada polo Estado; e referendada xa polas primeiras resolucións xudiciais ante os recursos autonómicos.
Esta demora no traspaso de fondos quedou xa anunciada nunha resposta parlamentaria do Goberno central a unha pregunta parlamentaria do deputado nacionalista Néstor Rego (este mesmo verán), na que interesaba información sobre cales serían os criterios para o reparto entre as comunidades “lobeiras” do norte. Nesa resposta escrita suliñouse que “la elaboración y aprobación de estos criterios requiere de un trabajo de consenso entre las administraciones autonómicas y la administración estatal, dado que el reparto de los fondos señalados se encuentra vinculado al contenido de la Estrategia de conservación y gestión del lobo (Canis lupus) en España, de acuerdo con lo establecido en la Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, y en la Orden TED/980/2021, de 20 de septiembre, por la que se modifica el Anexo del Real Decreto 139/2011, de 4 de febrero, para el desarrollo del Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial y del Catálogo Español de Especies Amenazadas”.
Xa que logo, e segundo a mesma resposta parlamentaria, “debe ser la Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, en la que existe representación de la Administración General del Estado y de todas las Comunidades Autónomas, la que finalmente apruebe estos criterios”. Aprobación de facto imposible en tanto algunha desas comunidades como Galicia estea a bloquear na práctica a aplicación destas accións, buscando unha máis que improbable derrogación da protección do lobo.
O Goberno confirmou esta mesma semana que non hai data nin criterios consensuados para o reparto dos fondos por danos do lobo (20 millóns de euros no 2022), que xa está a punto de rematar. Ademais, seguen sen executar os previstos 23,5 millóns de euros nos orzamentos para 2023, cartos que son unha cantidade "orientada a la prevención de danos con medidas protectoras del ganado y para paliar el efecto de los daños mediante el pago de indemnizaciones a los ganaderos afectados”.
O problema é que estes fondos atópanse bloqueados, dado a que algunhas CCAA están poñendo todos os impedimentos posibles para frear a aplicación da nova normativa. Con elo, impídese acadar un consenso entre a administración central e as autonómicas (no caso galego, nunha evidente práctica política de confrontación), sen importar a materia da que se trata. O reparto destes fondos depende da aprobación da Estratexia de conservación do lobo na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente dun modo consensuado. Mentres tanto, eses fondos non chegan e dificultan avanzar cara unha "paz" entre a conservación do lobo e o sector gandeiro afectado.
“Contraprogramación” da Xunta
O mesmo martes, a Xunta emitía un comunicado no que afirmaba que “a Xunta de Galicia triplicará o vindeiro ano o orzamento destinado ás axudas para aplicar medidas de protección que eviten ou mitiguen os prexuízos causados polo lobo nas explotacións agrícolas e gandeiras”. Deste xeito, a cifra dispoñible ascenderá a 1,9 millóns de euros (boa parte transferencia para este fin dende o Ministerio) fronte aos 600.000 euros que reservou o Goberno galego a tal fin na convocatoria deste ano. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen recalcou que se trata dunha contía “sen precedentes” para previr os ataques do lobo en Galicia, un esforzo que enmarcou na aposta da Xunta pola prevención e no seu “apoio” ao sector primario ante o escenario de incerteza xerado polo Goberno central coas súas recentes decisións sobre a xestión desta especie.
A Conselleira recoñeceu que, desde 2017, a cifra de avisos e animais afectados polas incursións do lobo se manteñen estables en Galicia, con máis de 1.200 chamadas ao ano relacionadas con supostos ataques desta especie e máis de 2.000 reses afectadas. Ademais, Vázquez explicou que recibiu unha carta do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que se afirmaba que se a Comunidade quere recibir a súa parte dos fondos tería que aceptar antes a “Estrategia nacional del lobo” aprobada este verán.
Malia que a Conselleira di que a poboación atópase nun estado favorable, non “apuntala” tal información con datos. Resulta moi chamativo que, tendo un censo encargado ad hoc no último ano e coñecendo os datos, non os faga públicos. Polo tanto, todo apunta a que a poboación de lobos en Galicia teríase reducido con respecto ao último censo oficial publicado no ano 2015.
Con esta actitude, a Xunta de Galicia compromete para o 2023 un diñeiro que en realidade lle virá transferido do Ministerio para este mesmo fin, e ao mesmo tempo dille ao Ministerio que non acepta as condicións. Na mesma liña doutras organizacións ecoloxistas e ambientalistas, desde Galicia Ambiental enténdese que “faría ben a Xunta en negociar que a maior parte deses cartos lle correspondese a Galicia no canto de usar as diferencias”. No plano teórico dos 23,5 millóns de euros, tendo en conta que 1/4 parte da poboación lobeira se atopa en Galicia, o calculo é sinxelo cando menos 1/4 parte dos fondos corresponde ao país, máis de 5 millóns de euros e moito máis dos 1,9 que se compromete pola Consellería de Medio Ambiente para prevención.
A Asociación Galicia Ambiental ven de facer un chamamento para poñer fin a esta situación, xa que a Xunta e outras comunidades están “reventando” as posibilidades de consensos. Porén, á vista dos importantes recursos que se están a destinar, debería traballar en acadar un consenso e desistir dese papel de confrontación política ou populista e favorecer que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente sacase adiante a estratexia e aprobe o mecanismo de reparto deses fondos. Iso permitiría a chegada de cartos ás explotacións gandeiras para prevención e mellora, indemnizacións no seu caso e programas que redundarían en xerar riqueza nas zonas lobeiras e reducir a confrontación sobre o lobo existente en moitos territorios.
A Asociación Galicia Ambiental
Impulsada por profesionais do ámbito ambiental (enxeñeiros, técnicos de campo, comunicadores...), o colectivo “Asociación de Profesionais Galicia Ambiental” agrupa a traballadores e voluntarios, que desenvolven a súa tarefa neste eido en empresas, institucións, consultoras, etc. Actúa en dous niveis: a divulgación, comunicación e denuncia de malas prácticas ambientais; e o desenvolvemento de proxectos de cooperación ambiental como Árbores de Cinza (como o proxecto Chandebrito 2017), SIN invasoras (loita contra invasoras: herba da pampa e acacia mimosa) e programas de apoio a concellos para o desenvolvemento de accións de apoio á implantación das Axendas 2030 e Axenda Urbana Local.
Saúdos, Benito G. Carril
DIRCOM Asociación GALICIA AMBIENTAL
https://www.facebook.com/galiciaambiental/
604 000 742