A herba da pampa protagonizará, na vila pontevedresa de Oia, a semana sobre especies invasoras

Galicia Ambiental e o Concello de Oiaporán o foco na urxente necesidade de afrontar o problema das especies invasoras, especialmente da Cortaderiaselloana

A Asociación Galicia Ambiental advirte da necesidade de afrontar acción de control, loita e sensibilización cidadá fronte ao problema das especies invasoras e, neste caso, na presenza da herba da pampa (Cortaderiaselloana) en amplas zonas do país. Así, xunto ao Concello de Oia, o obxectivo da organización será sensibilizar á sociedade sobre este problema ambiental mediante diversas actividades. Serán impulsadas na Semana Ibérica sobre Especies Invasoras(SIEI), organizada por España e Portugal do 21 ao 29 de maio para sensibilizar sobre este problema ambiental e económico.

As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que é preciso levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.

Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras - Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións ou grupos informais.

Programación de actividades

Durante a SIEIorganizaranse charlas nos centros escolares e asociacións do municipio de Oia, culminando cunha acción de voluntariado de extracción xeralizada de plumeiros, cartografado de plantas e extracción dunha área de afectación na contorna urbana. Un técnico municipal e o responsable de divulgación da asociación serán os encargados de trasladar aos distintos colectivos do Concello información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia de afrontar accións preventivas para evitar o seu rebrote. Esta acción de voluntariado, prevista para o 29 de maio, consistirá en percorrer, por equipos,  o termo municipal cun dobre obxectivo: extraer semente e cartografar a presenza da planta a través da plataforma habilitada polo proxecto LIFE Stop Cortaderia. Nela xa figura unha boa parte das plantas tras unha intensa identificadora desenvolvida dende o municipio, un dos máis activos nesta materia de Galicia.

Esta xornada de voluntariado rematará coa entrega para a súa destrución de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano polo municipio e a súa contorna. A destrución terá lugar nunha zona urbana do municipio onde se consolidaron varias plantas, converténdose nun espazo “liberado” de Cortaderiaselloana e restaurado mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas.

Programa “piloto” en Oia

Despois do parón obrigado polas medidas preventivas para o control da pandemia, a Asociación Galicia Ambiental retoma as súas actividades con voluntariado e os seus programas de educación e sensibilización ambiental. Así, esta primeira acción será en colaboración co Concello de Oia, sendo ambas entidades adheridas ao proxecto LIFE Stop Cortaderia (actualmente en desenvolvemento e que finaliza este mesmo ano). Ademais, Galicia Ambiental é “socio rexional” na candidatura para optar a un novo proxecto STOP Cortaderia (sería a segunda parte do que este ano chega ao seu fin), presentado ao novo LIFE e que comezaría a executarse en 2023.

Durante 2022, Galicia Ambiental desenvolve diversas accións de voluntariado para a extracción de especies invasoras, nomeadamente cortaderiaselloana, dentro do seu programa SIN INVASORAS e considera esta acción de Oia como un “programa piloto” dasintervencións locais  que se desenvolverán, no caso de ser aprobado,  dende 2023 no marco do II Programa Stop Cortaderia, do cal forma parte en representación de Galicia, agrupando a comunicades de Portugal, España (todas as comunidades cantábricas) e Francia. 
 

Comparte esta noticia